viernes, 13 de mayo de 2011

A vivenda no medio rural interior entre 1.900 e 1.960


Todo o mundo coñece algunha casa rural aínda que so sexa de vista pero o certo é que aínda que esteticamente haxa casas restauradas moi ó detalle a vida que os clientes teñen os días que pasan alí non se semella en nada á vida que os habitantes desa casa tiña alí entre 1900 e 1960.
Seguramente este feito nos leve a caer nunha idea equivocada de como eran antes as casas e o estilo de vida que alí se levaba.
Por este motivo considero que este traballo resulta moi interesante para coñecer máis da nosa cultura e coñecer como vivían os nosos avós á nosa idade e para iso quen mellor ca eles para que nos amosen todos os seus recordos?

DESCRICIÓN FÍSICA DA ESTRUTURA

Por fóra...
A comezos do século XX aínda se conservaban as casas que tiñan unha planta onde vivía a xente enriba da bodega e das cortes dos animais que estaban no baixo, á altura do chan. Máis tarde as cortes pasan a ser unha construción anexa e no baixo da casa so queda a bodega. Eran casas fundamentalmente de pedra e pequenas, co tellado pouco aguzado e unha cheminea pola que tiraba a lareira. As paredes eran grosas e tiñan fiestras de madeira (logo chegaron as de ferro e despois as de aluminio) na parte de fora e contras de madeira tamén na parte de dentro. As portas tamén eran de madeira.

Por dentro...
A vivenda era pequena e distribuíase en tres ou catro departamentos, na cociña (que ademais da lareira tiña unha mesa e cadeiras ou bancos de madeira) desenvolvíase a vida da casa, coma agora nos salóns das casas, nas cociñas falaban, contaban contos, etc. Habitacións había 2 ou 3 nunha durmían os pais, e na outras outras repartíanse os fillos e os avós, algúns durmían na cociña. Outro departamento da casa era un pequeno cuarto que hoxe chamariamos baño pero daquela so tiña unha pequena estrutura cun burato onde un se sentaba para facer as súas necesidades fisiolóxicas que ían conducidas por unha especie de canle cara unha corte que logo se estrumaba con herba seca e máis tarde serviría para abonar as fincas. Pero estas limitacións non eran escusa para a falta de hixiene pois a xente lavábase moi ben igualmente con auga que ían buscar ó río en barriles no carro e cando non utilizaban xabón esa auga servía para botarlles de beber os animais

DESCRICIÓN DOS MATERIAIS UTILIZADOS NA CONSTRUCCIÓN

Os materiais máis frecuentes das vivendas rurais son a pedra de porpiaño ou de manpostería para as paredes que se construían colocando as pedras coidadosamente unhas enriba de outras con masa feita de area cemento e auga para unilas firmemente. O tellado estaba cuberto por tellas do país e por dentro ás paredes dábanselle unhas llanas con masa e branqueábanse cunha masa de branquear ou con cal e o chan estaba feito de táboas de madeira.

QUEN ERAN OS CONSTRUTORES?

Contruír unha casa era unha tarefa semellante á de hoxe pero os que hoxe son arquitectos, construtores, albaneis, etc. Antes eran humildemente canteiros. Alguén que soubera algo do gremio podía contruír a súa casa ós poucos coa axuda de amigos, familiares e veciños (unha das grandes características que diferencia aquela sociedade da actual), pero outra opción recurrida era pagar ós poucos a canteiros que cha fixesen ós poucos segundo daba a “economía” de cada un.

QUEN VIVÍAN EN CADA CASA?

Entre 1900 e 1960 nas casas vivían familias enteiras, normalmente entre 5 e ata 10 ou 12 persoas xuntas á vez.
Agora todo o mundo vai á aldea a ver ós avós que mentres se valen por eles mesmos viven sos na súa casiña pero non sempre foi así. A comezos do século XX as casas non tiñan ningún luxo nin comodidades pero estaban cheas de xente, e non era frecuente atopar a ningúen vivindo só. Nas casas aínda que foran pequenas vivían os avós, os pais e os fillos que cando casaban ían vivir a outro lado, a excepción do máis novo ou dunha filla que logo de casar quedaba a vivir cos pais para coidar deles e ter alí os seus fillos.

UTENSILIOS DE COCIÑA E LIMPEZA

A maioría da xente galega da miña idade naceu e medrou arrodeada de microondas, lavadoras, lavavaixelas, electrodomésticos de todo tipo, auga corrente e quente  e todo tipo de facilidades e utensilios que antes eran m.ais que luxos, cousas impensables.

Para limpar…
Na primeira metade do século pasado, a actual escoba e a actual fregona eran un aparello só, un cepillo (como o de lavar os barriles) con mango para varrer e para fregar só había que colocarlle un trapo mollado no cepillo. Os trapos tamén eran un utensilio moi común pois servían para todo. A roupa por suposto íana lavar ó río e utilizaban ou ben xabón de lagarto ou ben unha barra cadrada longa (que aínda se vende sobre todo en Portugal) que se cortaba en anacos e era pintada dunhas cores rosada e branca (ou amarela). Tamén había xente que elaboraba o xabón na casa co sebo dos porcos que mataban e con sosa ou amoníaco.
Pero como xa dixen antes as necesidades non eran motivo para andares desaliñado pois aínda que moi rudimentarias xa existían os ferros de pasar que eran loxicamente eran de ferro e se poñían a quentar no lume.

Na cociña…
Como non a lareira, a miña querida e enxebre lareira, era fundamental nunca casa, nela cociñábase e ela quentaba a casa.
Os aparellos máis frecuentes nas cociñas eran as olas de ferro (ou metal) que tiñan unha cor vermella escura (agora fabrícanas semellantes). Por eses anos as vaixelas eran inexistentes nestas casas. Comíase en pratos de barro que rompían polo medio facilmente ó caires por iso aínda que había xente que os amañaba con xeito preferíanse os pratos de lata aínda que tampouco estaban exentos de defectos por ó caír esportillaban (saltábanlle os cachos de pintura). Máis tarde chegaron os pratos de duralex (semellantes os actuais) pero como nada é perfecto escachaban completamente ó caír e non tiñan amaño. Outro utensilio dos meus favoritos era o forno e pedra que adoitaba estar no alboio ou na cociña e nel cocían o pan.


CONSTRUCCIÓNS ANEXAS

Na eira, preto da casa estaba o alboio onde se gardaba o carro, o arado, e os demais aparellos do campo.
Nesta época pouco a pouco comeza a aparecer outra construcción anexa, as cortes que anteriormente estaban na planta baixa das casas agora pasan a estar na eira como o alboio e nelas adoitan haber vacas bois ou cabalos e os cortellos (de menor tamaño) gardan as galiñas e o porco.


CONCLUSIÓNS

Nesta primeira metade do século XX a situación no rural era moi dura pois o traballo era diario para vivir a diario, sen dúbida o pan que comían cada día saíalles cada día do corpo, da súor da fronte. Non sei como o viviría unha persoa da miña idade se tivese a oportunidade de atrasar o tempo e vivir ese tempo durante unha semana pero a min gustaríame probalo porque quixera coñecer como eran antes as cousas cando un traballaba en contacto coa natureza e os animais continuamente e quizais así atopariamos o lugar onde nos perdemos como persoas e deixamos de axudarnos entre nos como facían antes os veciños dunha aldea para traballar as fincas.

FONTES

A miña fonte de información para tódolos datos foi a memoria dos meus avós, que onte me levaron de volta a estar sentada naquela cociña pequena cheirando o fume da lareira e escoitando os contos dos velliños dos meus velliños, nun tempo no que a xente non se aburría sen televisión nin internet. Eles son sen dúbida os grandes autores deste traballo e dos demais.

martes, 3 de mayo de 2011

A nova literatura

Como todos sabemos, estamos en plena era do Internet, onde podemos disfrutar practicamente de todo o que nos interesa e a literatura non ía ser menos.
Neste campo, esta nova tecnoloxía ademais de ser unha gran fonte de información, fai desaparecer impedimentos como a falta de tempo ou de medios para participar en moitas cousas que nos gustarían.

Por unha banda, os lectores podemos atopar na rede sínteses de libros que nos axuden a saber de que van antes de mercalos e así ter máis ou menos unha idea dos que nos poderían interesar. Ligada ás novas tecnoloxías temos unha nova forma de ler que consiste en descargar os libros no teu ordenador e lelos coma un documento de Word.
Para as persoas ás que non lles convencen estas innovacións e non queren ou non poden mercar os libros que lle pracerían ler temos as bibliotecas, que tamén teñen as súas páxinas web onde podemos ver os horarios, a localización, como facerse socio, ect.
Unha actividade moi interesante para os lectores ós que lles gusta intercambiar opinións sobre algo que leron, son os clubs de lectura, onde se acorda ler un libro que ninguén do grupo lera e ó rematalo falar ou escribir sobre el cos demais membros.
Estas son as páxinas das bibliotecas e dos clubs de lectura en Pontevedra e nelas podedes atopar máis enlaces ou información sobre actividades que vos poden interesar.

- A biblioteca do Luís Seoane, Iris.
 
- O club de lectura de Iris, a biblioteca do Luís Seoane

- A biblioteca de Pontevedra e os seus clubs de lectura por idiomas. http://www.rbgalicia.org/pontevedra/

- O club de lectura virtual da biblioteca de Pontevedra.


Por outra banda, están  os escritores. Para os que comezan neste ámbito da literatura práceme darvos a coñecer as innovacións que existen para darse a coñecer ós poucos. Comezando polo máis coñecido temos os concursos, hainos de todo tipo, dende poesía e microrrelatos ata ensaio e teatro. A gran maioría a nivel nacional son en castelán, agás os organizados en Galicia que son en galego. Os temas poden ser libres ou específicos, máis longos ou máis curtos segundo as bases de cada un pero todos teñen bos premios.
Nas seguintes páxinas atoparedes unha listaxe bastante ampla dos concursos que hai a nivel nacional e algúns internacionais, cada un coas súas bases e os seus premios, ordenados pola data de vencemento de entrega.



Dunha forma moito máis moderna temos a posibilidade de publicar as nosas creacións literarias en blogues persoais. Creado o teu, podes ensinarllo a outras persoas que compartan a túa afición e así ir facendo contactiños neste campo. Para os incrédulos desta nova e pequena forma de publicación direivos que moitos neo-escritores están xurdindo de ahí, déronse e seguen a darse a coñecer en humildes blogues. Ademais moitos escritores recoñecidos tamén os teñen a pesares de ter moitos libros editados porque é unha forma de darlles unha nova perspectiva máis cercana e persoal das súas obras e quizáis de buscar lectores diferentes para recuperar a lectura nunha época na que o internet forma parte da nosa vida e cada vez máis na xente nova.