jueves, 8 de abril de 2010

Soa


Sinto a suor escorregar pola miña cara, baixando coma unha serpe polo meu pescozo, perdéndose nos lugares máis secretos do meu corpo baixo a miña roupa.
Esta calor abáfame e por máis que se abren as miñas fosas nasais, cústame respirar. Teño cambras nas pernas e unhas dores horribles nos pés, levo moito tempo camiñando á deriva, máis do que eu podería crer. Preciso descansar e deitome á sombra sen sequera mirar ó redor. Dirixo a miña vista cara o ceo coma se del puidese sacar a solución, o mapa que me levase de volta á casa. Pero só vexo un ceo azul aparentemente paradisíaco nos recunchos entre as follas destas árbores tan altas e verdes que na miña vida vira. Máis isto non ten nada de paraíso, a penas teño forzas para escorrentar estes mosquitos que me queren roubar a pouca enerxía que queda no azucre do meu sangue...
 Pecho os ollos e lembro o ceo gris que ten Santiago, ese ceo do que tanto me queixaba, ai! Como o boto de menos...tanto coma ver chover día si e día tamén... Que lonxe queda o camiñar á présa para chegar á facultade os días nos que as sabas se apoderaban de min, neses días só vía o reloxo, os semáforos e os coches sen decatarme sequera das rúas polas que pasara. Igual de lonxe estaban os días nos que camiñaba de vagar polas miñas rúas que impregnan amor a Galicia coas súas fachadas de pedra e unhas lousas que parecen reflexar o ceo gris baixo o que levo vivindo vinte anos.
Lembro as noites de parranda, cando volvía soa á casa, non, non tiña medo, gustábame, gustábame camiñar de vagar, mirando as nubes escuras da noite, a lúa, os edificios coas ventás pechadas e sen luz, o silencio conforme me alonxaba da zona de esmorga, as paredes e as lousas, sobre todo as lousas, encantábame camiñar sobre o reflexo do ceo galego deixando que chova por min con tranquilidade, decorando as pinguiñas de augaa miña roupa coma se fosen pequenas cirnconitas, mellor aínda, pequenos diamantes que brillaban na escuridade da noite, que mollaban o meu pelo paseniñamente...
 Unha pinga dun líquido caeu sobre a miña pálpebra, teño medo de abrir os ollos, e antes apértoos con forza desexando estar deitada na eira dos meus pais coma naquelas longas tardes de verán da miña infancia, á sombra da laranxeira picante coma eu lle chamaba polo ágrias que eran aquelas laranxas, non se podían comer pero meu pai plantáraa nun lide para limpalas mans con elas despois de andar a trasegar o viño. Desexaba que fora un pardal con puntería.
Non me deu tempo de abrir os ollos, centos de pingas botáronse sobre min coma as pombas dunha praza de Pontevedra cando lles botas millo. Cando me quixen dar conta xa estaba ó resgardo dunha desas árbores co tronco tan groso e a copa tan ampla, mirando aquela chuvia torrencial que nada tiña que ver coa miña querida poalleira galega.
A penas duraría uns minutos o diluvio pero o que veu despois foi moito pior. De súpeto sentín unha humidade tan abafante e densa que tiña a sensación de estar nadando nun bote de maionesa. A roupa pégase ó meu corpo coma querendo entrar nel para fuxir deste inferno abrasador. O meu pelo pelo empapado en suor dáme máis calor e coa perrera...onde vai que perdín a paciencia... Non teño gomas do pelo e por sorte tampouco tesoiras, porque penso que nestes momentos sería quen de suprimir esta carga, de borrar da miña imaxe o que máis coido de min.Busco entre as herbas e por sorte atopo unha flexible e dura. Recollo o pelo como podo e a perrera quédame como a dun Yorkside Terrier pero dáme igual, preciso aire...
Xa hai un pouco que teño sede e non sei que facer, intento aplicar a lóxica. Aquí hai animais, polo tanto han de beber e se beben, ten que haber auga nalgún sitio asique boto a andar na súa procura. Que doado parece nas películas, cando o protagonista corta unha póla e bebe dela coma dunha fonte...e eu buscando unha poza.
Por fin diviso unha poza, a sede é tanta que comezo a correr cara ela esquecendoo cansanzo pero a medida que me achego penso nos tipo de enfermidades que se transmiten pola auga estancada, entón paro en seco buscando ó meu redor outra auga desesperadamente e é aí cando me dou conta de que a miña primeria reflexión lóxica non era correcta. Acabara de chover moito e había auga por todas partes e non a vira. Ria de min mesma polo parva que fora mentres bebía a auga das follas das plantas e das árbores. E pensar que me parecía unha parvada iso dos “Boys scauts”...
Non podo evitar rir o pensar que un par de anos atrás suspendera un exame de ciencias para o mundo contemporáneo sobre a saúde porque non era que de recordar semellante número de enfermidades, as súas causas e os seus medios de tranmisión e agora en cen metros á carreira viñéronme todas á cabeza. Que curiosa e traidora é a nosa mente axudada pola traizón dos nervios. Porque xa non sabes se rir ou chorar cando suspendes un exame porque non recordas nada e ata ti pensas que non estudaches o suficiente e logo días despois atopas eses coñecementos perdidos pola mente cando xa non os precisas, cando non os buscas...
E se deixo de buscar unha saída?
Perdín a conta das horas, dos días que levo aquí, xa nin recordo como cheguei... Só recordo a discusión con Brais no seu coche cando volviamos do cine, el quería deixar a facultade de dereito.
Estaba a pasar unha mala época porque os ideais e motivacións polos que comezara a carreira estivéranse vindo abaixo nestes últimos meses. E eu quería quitarlle esa idea da cabeza argumentándome con que me preocupaba o seu futuro pero agora dende lonxe doume conta de que non foi así, el estaba a rematar a súa carreira e logo de tres anos xuntos sen problemas xa me imaxinaba unha vida con el e cando me contou que quería deixalo sentino coma un valde de auga fría que desmoronou os meus plans coma unha onda un castelo de area e reaccionei como o fixen por puro egoísmo, só me preocuparon os meus plans e esquecinme completamente del. Sempre foi un rapaz moi forte e cando tiña algún problema ou inquedanza non mo contaba e cando o fixo non o souben entender. A discusión rematou comigo berrando e dando un portazo mentres el miraba pola fiestra sen dicir nada, logo arrancou e perdeuse na escuridade. Ou fun eu a que se perdeu na escuridade?
Só sei que esta dor, esta angustia que me entrou o lembrar o de Brais borrou da miña cara o estúpido sorriso que tiña, non sei se pola gracia do momento da auga ou polo cinismo e desesperación da miña situación pero o certo é que ese recordo como un coitelo ademais de devolverme á frustración na que estaba, engadiume unha forte dor no peito que me acompañaría o resto dos días.                                                                                              
Comeza a escurecer e o medo aparece inaplacable. A realidade é dura e atemorizadora pero a miña cabeza quérema xogar tamén. Acurrúcome no chan apoiada no tronco dunha árbore e espero con impaciencia a chegada do día; síntome tan indefensa... cuns anos menos rompería a chorar e comezaría a chamar por papá e mamá, non sei se o farei hoxe... Non sei o que me da máis gana de chorar, estar soa, ou pensar que podo estalo para sempre. E se non dou saído? Ademais non me decatara do lonxe que están as selvas de Santiago, de Galicia, de Europa... Asústame pensar en como chegaría aquí. Non podo pensar nisto, non quero. Pecho os ollos e intento durmir. Os paxaros que cantaron e piaron ó longo do día xa non se oían, os seus asubíos cambiáronse polos invisibles sons dalgúns insectos. Sinto o quebrar dunha rama detrás de min e fago coma se non a oira, oio pasos preto de min, outra ram estrala preto da miña cabeza. Teño a terrible sensación de ser observada, o corazón encólleme, aperto os poños do medo, abro os ollos e érgome rapidamente e nada, miro ó meu redor e nada.
Pero xa non puiden sacar de enriba a sensación de sentirme observada e foi aí cando me dei contade que non vira nin oíra outros animais máis que paxaros e insectos. Teño medo de durmir, de pechar os ollos, non quero ser presa dun de caza dun tigre. Non deixo de mirar ó meu redor; o meu corazón volveu conxelarse cando mirei a uns metros entre as follas dous puntos grandes e brillantes que me miraban fixamente... sería un animal? Non sei pero non podo apartar a vista, non sei se polo medo a que me ataque de sorpresa cando non mire ou porque ese brillo amarelo imanta os meus ollos...
Lembro a primeira vez que fora ó zoo de Vigo. Tiña sete aniños e coma en todas as excursións con papá e mamá, estaba moi contenta e ó chegar alí non sabía nin por onde ir pola ansia. Asombrábame todo: nunca vira osos, nin tigres, nin leóns, nin monos de verdade e agora tíñaos a escasos metros de min... pero alí estaban encerrados e aquí non. Estaban ó meu redor, vixiándome...
Cando era pequena e tiña medo de noite nunca me metía baixo as sabas, sentíame indefensa. Sempre miraba cara a porta, o único lugar polo que se podía entrar no cuarto. Sempre mirei o medo á cara pero non por valentía senón por medo a que me collera por sorpresa. Pero aquí non hai porta, non sei a onde mirar, síntome vulnerable por todas partes, incluso pola miña cabeza que coa axuda do medo traballa sen parar e sei que isto, os ruídos e o que vexo, son cousa dela.
Coma un lategazo; un raio de sol que se coou entre as follas destas árbores que tapan o ceo espertoume. O cansanzo xogárama e quedara durmida coma naquelas vixiancias nocturnas da porta do meu cuarto. Xa era día.