miércoles, 20 de mayo de 2009

Os galegos


Capítulo 4ª:          Recoñecer os tipos de galegos


Queridos lectores, comezaremos este capítulo nomeando os distintos tipos de galegos e citando algunhas das súas características.

a)     Os da Galiza “profunda” (ou galegos de aldea).

Se deciden encamiñar a súa excursión cara o rural (para contemplar a orografía e os galegos na súa hábitat) e dirixindo a vista a unha eira con cabras e ovellas vemos de súpeto un homiño cunha gorra de viseira que propaganda unha empresa relacionada coa agricultura (a máis famosa é a de VAZPE), unha palla na boca, un pau coma caxato, unha escopeta colgado no ombreiro e que lles mira de reollo... Non se preocupen, ese é un galego de aldea auténtico. Non ten perigo ningún xa que estes homes son coma un can de palleiro anoxado, mete medo pero é un cachiño de pan, algo reseso, pero un cachiño de pan.
Compre facer esta excursión en silencio para que estes “especímenes” (no bo sentido da palabra) non escapen coas cabras e para que outro máis perigoso aínda non te detecte... Estamos a falar dunhas muller que son coma as lambetadas, riquísimas pero co mesmo efecto na súa enchente. Estas mulleres non terán en conta o seu estado se saúde e desque entras na súa casa ata que logras fuxir cebarante con chourizo, xamón, queixo, pan... e de beber...¡viño doce! Isto cunha famosa frase de ánimo: “Come neniño que estás moi delgado”. A mellor medida preventiva para non morrer dunha chea, a parte do silencio é ir en xaxún e levar un par de sobres de ALAMAX no peto.
Esquezan os temas de conversa convencionais, pois o centro desta será a súa vida privada. Mediante un terceiro grao faranche suar respondendo preguntas ata saciar a súa curiosidade innata. Houbo quen pensou que traballaban para a CIA pero esa hipótese descartárase xa que tan pronto como saben algo cóntanllo á primeira veciña que ven no camiño.
Son un caso estraño e único no mundo pero tranquilidade que xa os está a estudar o “NATIONAL GEOGRAPHIC” ou como dirían eles a “Nasional Jhreojrafic”. 

                                                                                                                         
                                                                                                                          Pontevedra – 14/05/09

b)    Os galegos da capital.

Estes tamén son para botarlles de comer a parte.
Para estudar este caso poderiamos escoller calquera cidade de Galicia, sobre todo das da costa. Poñamos por exemplo a Pontevedra.
A diferencia dos aldeanos que coñecemos antes, que aínda que lles estes falando en turco sen entender o que che din falaranche en galego repetíndoche as cousas unha e outra vez e a berros sen saber que o que non comprendes é o idioma e non que lles entendas mal, os da capital son coma a información da WIKIPEDIA, tradúcense.
O primeiro dato curioso está nos da xeración da posditadura (penso que ten un nome específico que non lembro) que aínda vivindo na cidade, sinónimo de avance respecto ás vilas deben ter os nenos coma marcianos. Alguén debería comunicarlles que un bebé cando nace non fala nin comprende ningún idioma e se normalmente falan en galego  non ten sentido que lles falen en castelán, ¡tamén entendería e falaría o galego! Cos anos o neno si se sentiría coma un marciano nas comidas familiares, todos falando en galego entre eles e cando se dirixen a el cambian de lingua, o que eu vos diga, ¡coma a WIKIPEDIA! Pero se xa era para parvear coa familia, en confianza... ¡Miña nai querida cando falan con xente doutras comunidades de España! Iso xa non é castelán, nin galego, nin castrapo nin nada... Quero pensar que ese acento esaxerado que poñen e ese castelán con tempos verbais compostos, palabras do NOSO vocabulario que non saben de que lingua proceden e máis repipiadas mal usadas sáelles sen querer.
Desta información sacamos as parvadas que din os da miña xeración como: “Los que hablan gallego son tujos (ou do monte)”, “a mi no me pone que una pava me hable en gallego”, e coma estas máis. A estas declaracións de estupidez eu sempre lles contesto o mesmo: “Mira neniño, fala a lingua que che pete pero fálaa ben e non a chapurrees como fas”.
Señoras e señores como poden comprobar os galegos son coma unha paella valenciana, haivos de todo. Xente que fala o galego de tradición oral que aprenden nas aldeas por causas históricas, xente que fala un galego perfecto moldeado nas universidades e xente que non o fala. Si, eu tamén penso o mesmo, calquera día chegaremos a Londres e a xente falará castelán, ou francés, ou que sei eu, daralles por dicir que é unha zona bilingüe e ala, a atentar contra os principios da tradición oral e a ningunear a loita de moitos por esa lingua.

c)     Non hai máis “clichés” sobre os galegos.

Agora quédalles a vostedes ir coñecendo esta xente tan especial con características que só se atopan neste recuncho ó nordeste da Península Ibérica.